INVENTARIO DE RECURSOS E PLAN DE ACCIÓN PARA O XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

INVENTARIO E PLAN DE ACCIÓN PARA A POSTA EN VALOR DE RECURSOS PATRIMONIAIS DO TERRITORIO DO PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Deputación da Coruña: 2023.

Elaboramos o “Inventario e plan de acción para a posta en valor de recursos patrimoniais (naturais e culturais) do territorio do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal“, unha acción enmarcada no Convenio de colaboración “Actividades Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal” asinado entre a Deputación provincial da Coruña e a Asociación para a xestión do Xeoparque do cabo Ortegal para o desenvolvemento de actuacións que contribúan a un mellor posicionamento do Proxecto como Xeoparque Mundial da UNESCO.

Desenvolvemos un traballo  con dúas vertentes: por unha banda, a realización dun diagnóstico participado para a elaboración do inventario patrimonial do territorio, baseado na recollida de información, análise e cartografía dos recursos, o deseño e realización dunha enquisa online específica para entidades do tecido asociativo, e o deseño e elaboración dunha matriz de valoración turística e patrimonial, a partir da cal seleccionar os recursos con maior potencialidade turística. E, a partir dela, a elaboración do inventario de recursos: 40 fichas de información dos principais recursos patrimoniais do territorio a nivel turístico. Posteriormente,  á vista dos resultados do diagnóstico, elaboramos un plan de acción: un total de 18 actuacións, en tres liñas estratéxicas esenciais para un Xeoparque Mundial da UNESCO (relato, produto e visibilidade), que ofrecen unha completa folla de ruta da estratexia global a acometer para a posta en valor dos recursos patrimoniais a nivel turístico.